DIVULGACIÓN E FORMACIÓN

CEMMA participa en "Solidarízate"

"SOLIDARÍZATE" é unha exposición da Obra Social de CaixaGalicia que pretende sensibilizar á poboación sobre a necesidade que ten a sociedade de persoas voluntarias, e invitalas a sumarse a estas iniciativas para construir unha sociedade máis solidaria, aproveitando a ocasión para mostrar o traballo de distintas entidades sen ánimo de lucro.

Esta é unha exposición itinerante que pasará polas principais cidades galegas, contando paralelamente con actividades organizadas polas distintas asociacións. Ata o de agora, CEMMA participou organizando en Vigo e Ferrol (en colaboración coa SGHN) o 2 de maio e 27 de xuño, respectivamente, unha actividade de introducción ao seguemento dos cetáceos dende costa, a modo do traballo que se fai na Rede de Monitorización Costeira de Galicia. Por agora tivemos sorte, e nas dúas ocasións foi posible a observación de arroaces.

Ademais, como sempre pasa nestas actividades, coñecemos o traballo que fan outras persoas e grupos. Entre os asistentes estaba unha profesora do IES Alvaro Cunqueiro, que nos presentou a iniciativa dun blog da comunidade escolar co trasfondo da auga como eixo conductor. Podedes botarlle un vistazo: http://proxectointerdisciplinar-auga.blogspot.com/