INVESTIGACIÓN

Campañas Thunnus 2010

resumo da Primeira Campaña 2010

resumo Segunda Campaña 2010

resumo Terceira Campaña 2010

RESUMO CUARTA CAMPAÑA 2010

O luns 31 de agosto rematamos a Campaña Thunnus0910 coa chegada do "Irmáns García Nodal" ó porto de Burela, e puxemos fin ás campañas da costeira 2010.

Nesta ocasión tivemos bo tempo e puidemos realizar moitas horas de observación e traballar con boas condicións, nada que ver co que nos tiñamos atopado en outras campañas anteriores.

Estivemos traballando pola planicie abisal do Golfo de Vizcaia e fronte á costa asturiana, nas áreas do Cachucho e zona exterior do Canón de Avilés. A maior parte da flota boniteira que estivo a faenar por esta zona foron os barcos que pescan con cebo vivo. As capturas de bonito reduxéronse notablemente, pero os avistamentos de cetáceos foron moi numerosos.

Unha vez máis, e coma ven sendo habitual nestas campañas, predominio absoluto dos rexistros de balea común, cun 90% do total dos avistamentos. As outras especies de cetáceos rexistradas foron o cachalote, golfiño riscado, golfiño común, arroáz, caldeirón e arroáz boto.

Observamos un enorme e precioso exemplar de tartaruga de coiro, especie que non tiñamos visto nas tres campañas anteriores deste ano, pero que sí rexistramos durante o 2009. Tivemos a presenza dun curioso polizón a bordo, un pequeno paxariño, un exemplar de carrizo que fora anelado polo Museo de París en terras galas e que descubrimos no pañol de proa cando estabamos no medio do Golfo, a unhas 125 millas da costa galega e da Bretaña francesa.

Como anécdota, sinalar que o luns 23, realizamos unha entrevista en directo para o programa Galicia por diante da Radio Galega, na que falamos da costeira do bonito e do noso traballo a bordo.

Queremos agradecer, unha vez máis, á Consellería do Mar o seu interese polo noso traballo e a súa colaboración, permitíndonos embarcar a bordo dos barcos do Servicio de Gardacostas da Xunta de Galicia.

Agradecemos tamén a todos aos membros das tripulacións destes barcos, con quen compartimos estes meses de verán na costeira do bonito 2010 o excelente trato que nos amosaron a bordo en todo momento, facendo que os días de mar foran pasando do mellor xeito posible.