RECUPERACIÓN

"Barda" rumbo a casa

O lobo mariño cincento "Barda" recibiu a alta para proceder a súa liberación, e foi embarcada o xoves 7 no barco "Ferreira Martínez", de Marín, que xa ten colaborado noutras catro ocasións connosco, para ser trasladada ata o Gran Sol.

"Barda" aparecera a principios de ano na enseada de Barda, en Corme (Ponteceso). Seguindo o protocolo oficial da Xunta de Galicia, que autoriza unicamente ao persoal acreditado de CEMMA a facer accións de recuperación, rehabilitación e posta en liberdade de mamíferos e tartarugas mariñas en Galicia, foi atendida pola unidade móbil do norte de CEMMA, coa axuda da Guardia Civil, e sendo trasladada en primeira instancia ás instalacións da UCI de animais mariños da SGHN-Ferrol - CEMMA, onde foi tratada durante estas semanas das afeccións que presentaba.

Posteriormente foi trasladada ás instalacións que nos cede o Acquarium Galicia de O Grove para completar a súa recuperación. Unha vez recibida a alta por parte do Servizo Veterinario, emprendeu o seu regreso a casa, unha vez notificado á Xunta de Galicia.

Dende aquí o noso agradecemento a todos os voluntarios e voluntarias que colaboraron nestes catro meses de traballo nas distintas tarefas diarias.