VARAMENTOS

Máis casos de varamentos na costa galega

Durante a Semana Santa de 2010 seguiron producíndose casos de varamentos na costa galega, cun lixeiro repunte, atribuido ás condicións meteorolóxicas, que arrastraron á costa os cadáveres de once cetáceos e unha tartaruga mariña. Dende A Coruña a Oia, pasando por Fisterra, Carnota, Sanxenxo, Muxía ou Corcubión, apareceron individuos de distintas especies: golfiño común (Delphinus delphis), golfiño riscado (Stenella coeruleoalba), arroaz (Tursiops truncatus), toniña (Phocoena phocoena), caldeirón (Globicephala melas) e cachalote (Physeter macrocephalus).

Os avisos foron recibidos por notificación directa de particulares ou a través do teléfono de emerxencias 112, xa que CEMMA é única a entidade autorizada pola Xunta de Galicia dende 1999 para a asistencia aos animais varados na costa galega, vivos ou mortos, e da recollida de mostras científicas.

CACHALOTE EN MARÍN

Sen dúbida o caso máis destacable, dado a súa rareza, foi o do cachalote aparecido en Marín o sábado (ver fotos na columna dereita). Ata alí se trasladou a unidade móbil do sur tras o aviso recibido a través do 112, seguindo o protocolo de varamentos. Por desgracia o mal estado do corpo, que debía levar semanas en descomposición, evitou poder obter toda a información que se obtería nun corpo en mellores condicións.

Novamente queremos agradecer a colaboración de particulares, agrupacións de Protección Civil, Policías locais e distintos servizos dos Concellos da costa que nos axudan en todo momento no noso traballo.

 

 

 

 
 
 

 

Varamentos