VARAMENTOS

Novos rexistros de tartaruga de coiro

O 26 de abril, un pesqueiro de Bueu levou ata ese porto unha tartaruga de coiro (Dermochelys coriacea) que fora capturada accidentalmente nunha cacea de nasas. Unha vez avisados os Axentes Medioambientais da Xunta e os investigadores da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), desprazáronse ata o lugar para a recollida de mostras e a planificación da retirada do corpo do gran animal, que medía 180 cm e pesaba máis de 340 kg.

A tartaruga de coiro é a maior das especies de tartarugas mariñas que habitan nos océanos e se atopa en perigo de extinción, e se ben é máis habitual observalas en mares tropicais ou subtropicais, tamén son visitantes ocasionais das nosas costas. A rede oficial de varamentos de Galicia que dende 1999 xestiona a CEMMA para a Xunta de Galicia ten rexistrados nos últimos dez anos 58 exemplares desta especie. A labor de divulgación que levan a cabo os investigadores de CEMMA coas Confrarías a través do programa "Divulgando a pé de mar" e a colaboración que mostra o sector pesqueiro están a ser moi importantes nos últimos anos, xa que son moitos os casos en que os animais son liberados polas tripulacións aínda con vida tras quedar atrapados de forma accidental en algún aparello.

Aínda que non foi posible no caso desta tartaruga, en ocasións os animais son trasladados a porto aínda vivos e procédese a súa recuperación nas instalacións de CEMMA-SGHN Ferrol, como é o caso dunha tartaruga mariña común aparecida en Cariño que está a recuperarse nestes momentos.

TARTARUGAS DE COIRO NO VAL MIÑOR E BAIXO MIÑO

No mes de maio apareceron dous animais más na costa do Val Miñor e Baixo Miño, xa en avanzado estado de descomposición, e falecidas por causas naturais.

 

 

 

 

 
 

 

Varamentos